Branco lexítimo

Sinonimias

Branco Lexítimo en Betanzos, Raposo no Barbanza, Branca do País no Val do Navia.

Antecedentes

García de los Salmones (1914) cítaa baixo a denominación de Branca Lexítima na localidade de Paderne (Betanzos), na provincia da Coruña.

Situación actual

Variedade minoritaria presente nas zonas de Betanzos e O Barbanza.

Valoracións sobre o seu cultivo

É unha variedade da IXP Ribeiras do Morrazo. Variedade de agromada e maduración temperás; produción media en relación á variedade branca Albariño; sensibilidade alta ao oídio e media ao mildeu e á botrite. Produce viños que en zonas axeitadas poden acadar unha elevada graduación alcohólica (12,5-15,5%) e de acidez media (6,2-6,7 g/L) cun pH 2,9-3,4. Caracterizado por posuír un alto contido en terpenos, superior aos atopados no Albariño, Treixadura ou Loureira, variedades estas últimas consideradas como idóneas para a elaboración de viños brancos en Galicia. Adecuada para a elaboración de viños monovarietais ou en mestura con outras castes, viños do ano, aínda que tamén pode admitir o paso por barrica. De intensidade aromática alta, con aromas primarios intensos a froita fresca, pexego, albaricoque e a froita confeitada, pexego en almibre. O viño é estruturado, con corpo e persistente.

Descrición morfolóxica

Pámpano

O pámpano novo presenta a extremidade aberta con peluxe tombada de densidade baixa e pigmentación reberetada de intensidade débil. A cara dorsal e ventral dos entrenós e ventral dos nós é verde e vermella, mentres a dorsal dos nós é verde. As xemas non presentan pigmentación antociánica.

Folla Nova

A folla nova é verde ou bronceada con peluxe tombada de densidade baixa.

Folla Adulta

A folla adulta de cor verde media presenta tamaño medio e forma pentagonal, con cinco lóbulos; peluda, con densidade baixa de pelos tombados entre e sobre os nervios principais do envés do limbo; perfil alabeado; limbo con avultamento e inchazón débil; presenza de pigmentación antociánica sobre os nervios principais do envés do limbo que alcanza a primeira bifurcación; dentes con lados rectilíneos, de lonxitude media en relación á súa anchura; seo peciolar pouco aberto e coa base en forma de chave; seos laterais superiores abertos coa base en forma de V; pecíolo lixeiramente máis curto que o nervio principal.

Acio

O acio é cónico, de lonxitude, anchura e compacidade media e con presenza de 1 ou 2 ás. O pedúnculo é de lonxitude moi curta.

Bago

O bago de cor verde amarela presenta forma elíptica curta.

 

Imaxes: 
Branco Lexítimo
Branco Lexítimo 2
Fonte:: EVEGA