Antecedentes
García de los Salmones (1914) cítaa como cultivada nas provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra. No Catastro Vitícola de 1983 indícase o seu cultivo na provincia da Coruña, Ourense e Pontevedra.
Situación actual
É unha variedade da IXP Ribeiras do Morrazo. Ademáis é recoñecida como variedade preferente nas DD.OO. Ribeira Sacra, Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras, e como autorizada na D.O. Monterrei. Tamén é contemplada para a elaboraciónde viños nas indicacións xeográficas Viño da Terra Barbanza e Iria e Val do Miño.
Valoracións sobre o seu cultivo
Variedade de agromada precoz e maduración media; produción media-baixa; sensibilidade alta ao mildeu, media ao oídio e baixa á botrite. Produce viños de elevado potencial enolóxico, en xeral con graduación e acidez elevada, se ben dependendo da zona a graduación pode variar entre 8,6 e 14,2%, e a acidez entre 7,2 e 14,3g/L. Variedade moi terpénica, produce viños con aroma floral a rosas e a froitas coma mazá, pera, pexego; moi agradable, fresco é con certa aresta ácida.
Descrición morfolóxica
Pámpano
O pámpano novo presenta a extremidade aberta con peluxe tombada de densidade media e pigmentación reberetada de intensidade media. A cara dorsal dos entrenós e nós e a cara ventral dos nós son verde e vermella, mentres que a ventral dos entrenós é verde. As xemas teñen pigmentación antociánica basal de intensidade media.
Folla Nova
A folla nova é verde con peluxe tombada de densidade alta.
Folla Adulta
A folla adulta de cor verde media presenta tamaño medio e forma pentagonal, con tres lóbulos; peluda, con densidade media de pelos tombados entre os nervios principais do envés do limbo; perfil plano; limbo con avultamento e inchazón débil; dentes dos lados convexos, de lonxitude curta en relación á súa anchura; seo peciolar con lóbulos semiabertos e coa base en forma de chave; seos laterais superiores abertos coa base en forma de V; pecíolo lixeiramente máis curto que o nervio principal.
Acio
O acio é cónico, de lonxitude curta, anchura e compacidade media e con presenza de 1 ou 2 ás. O pedúnculo é de lonxitude media.
Bago
O bago de cor verde amarela presenta forma esférica.